Sachin Ramesh Tendulkar (|ˌsʌtʃɪn tɛnˈduːlkər|), nado en Mumbai o 24 de abril de 1973, é un xogador de crícket indio, antigo capitán da selección nacional india. Está amplamente recoñecido como o mellor bateador da historia do crícket. Realizou tamén o maior número de carreiras na historia deste deporte. É coñecido coloquialmente como Little Master ou Master Blaster.
Tendulkar é o único xogador que marcou cen centuries internacionalmente e o primeiro bateador en marcar un double century nunha competición One Day International (ODI), conserva a marca de máis carreiras tanto en Test como en ODI, e é o único xogador que completou máis de 30 000 carreiras no crícket internacional.
Tendulkar iniciouse no crícket aos once anos, debutando o 15 de novembro de 1989 contra a selección de Paquistán en Karachi con dezaseis anos. Estivo representando o equipo de Mumbai nas competicións nacionais e a India nas internacionais durante case vinte e catro anos.
En 2001, Sachin Tendulkar converteuse no primeiro bateador que completou 10 000 carreiras ODI runs nas súas 259 entradas. En 2002, na medio da súa carreira, Wisden Cricketers' Almanack nomeouno o segundo mellor bateador en Test de todos os tempos, tras Don Bradman, e o segundo mellor en ODI, tras Viv Richards. Posteriormente na súa carreira, Tendulkar foi parte do equipo indio que gañou a Copa Mundial de 2011, primeira vitoria nas seis participacións da India na Copa do Mundo. Anteriormente fora nomeado "Xogador do Torneo" na edición de 2003 celebrada en Suráfrica. En 2013, foi o único xogador indio incluído no Test World XI formado para celebrar o 150 aniversario de Wisden Cricketers' Almanack.
Tendulkar recibiu en 1994 o Arjuna Award polos seus méritos deportivos, o premio Rajiv Gandhi Khel Ratna, máxima condecoración deportiva da India, en 1997, e os premios Padma Shri e Padma Vibhushan en 1999 e en 2008, respectivamente, que son o cuarto e o segundo premios civís máis altos do seu país. Unhas poucas horas despois do seu último partido o 16 de novembro de 2013, a oficina do Primeiro Ministro da India anunciou a decisión de outorgarlle o Bharat Ratna, máxima distinción civil da India. Foi o receptor máis novo e o primeiro deportista en obtelo. Gañou tamén o Sir Garfield Sobers Trophy de 2010 como xogador de crícket do ano nos premios da ICC. En 2012, Tendulkar foi candidato á Rajya Sabha, cámara alta do Parlamento da India. Foi tamén o primeiro deportista e a primeira persoa sen pasado na aviación en recibir o rango honorario de group captain da Forza Aérea India. En 2012, foi nomeado membro de honra da Orde de Australia. En 2010, a revista Time incluíu a Tendulkar na súa listaxe anual das cen persoas máis influentes do mundo.
En decembro de 2012, Tendulkar anunciou a súa retirada das ODI. Retirouse do Twenty20 en outubro de 2013 e posteriormente retirouse de todas as formas de crícket o 16 de novembro de 2013 despois de xogar o seu 200º partido Test contra o equipo das Indias Occidentais no Wankhede Stadium de Mumbai. Tendulkar xogou 664 partidos de crícket en total, realizando 34 357 carreiras.
En 2019, Tendulkar foi incluído no ICC Cricket Hall of Fame.
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Sachin Tendulkar |
A Galipedia ten un portal sobre: India |